Home Programas Espazo Aberto Badaladas polo paridoiro de Verín

Badaladas polo paridoiro de Verín

0
Badaladas polo paridoiro de Verín

O hospital de Verín continúa co peche para reivindicar a desaparición dos servizos sanitarios da comarca. “Seguimos ao pé do canón, co peche indefinido. A xente segue facendo quendas para que en ningún momento quede só o lugar do peche. Hai incluso moita xente maior que participa a pesar do frío”, conta Aurora Sola, membro da Plataforma pola Sanidade Pública da Comarca de Monterrei. “Aínda que é certo que o cansancio si que fai mella, seguimos cos mesmos ánimos que ao principio e con moitas ganas de seguir a berrar “Verín non se pecha”. Este hospital non pode quedar sen os servizos que nos viñeron quitando desde fai uns anos”, reclama.

Badaladas polos servizos sanitarios

Para continuar coas reivindicacións nunhas datas tan sinaladas como estas, mañá, 28 de decembro, a Comisión Delegada do Hospital de Verín organiza un “Fin de Ano Verín non se Pecha” co lema “Non é unha pulla, é un apoio”. A idea é seguir loitando polos servizos sanitarios da comarca e visibilizar o peche nun evento reivindicativo pero no que tamén haxa espacio para o espíritu festivo. Vai ser diante do campo de fútbol ao carón do hospital, ás 12 da mañá”, explica Aurora Sola. “E como as datas de fin de ano están moi cerca, decidimos facer un fin de ano reivindicativo á galega, unha foliada de fin de ano“, conta.

“Con este evento, pretendemos que a xente siga activa porque temos que seguir loitando para que o rural non quede abandonado a nivel sanitario. A nosa comarca xa leva moitos recortes sanitarios do Partido Popular“, reclaman desde a Plataforma de Monterrei. “Vai ser un acto reivindicativo, con cancións galegas versionadas por xente sobre o peche do hospital e dos servizos”. Desde a plataforma din que tamén haberá cantareiras, gaiteiros e polbo o outras comidas. E ata as badaladas, que se darán ás 12 da mañá en punto, van ter reivindicación: “Cada badalada vai ter unha mensaxe”, remata Aurora. Un evento para ver se o ano novo trae como propósito a tan ansiada reapertura que reclaman desde a Comarca de Verín.