O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, mantiveron este luns un encontro con membros da Asociación Cultural Xermolos para avanzar no proxecto de recuperación e posta en valor da casa natal do poeta Díaz Castro. Durante o encontro, asinaron o convenio de colaboración co Presidente da Asociación Cultural, Alfonso Blanco Torrado, dotado de 10.000 euros cos que asumir os custos da redacción do proxecto para a recuperación da casa.
Características da casa
A casa de Díaz Castro encóntrase en Guitiriz. O inmoble conta cunha superficie construída de 374 metros cadrados, dividida en dúas plantas, con 133,15 metros cadrados cada unha, supoñendo un total de 266,15 metros cadrados útiles. A planta alta contará con 5 espazos e a planta baixa con 6 espazos totalmente diferenciados, entre os que se poden encontrar: a sala de Díaz Castro, lugar no que se acollerán os seus papeis e recordos; Sala da memoria, estará formada por unha biblioteca e un arquivo; Memoria da comarca, unha sala na que se pretenden formar encontros entre a xente maior e os máis novos; Cociña, será un arquivo para documentación e pertenzas das asociacións; un Auditorio multinacional, espazo no que se levarán a cabo debates e xuntanzas; a Habitación do poeta, este cuarto estará aberto a persoas que queiran aloxarse e aproveitar o ambiente do lugar para crear; e un tear.