Avante LGBT denunciou unha agresión homófoba acontecida o pasado 23 de novembro en Viveiro a través das súas redes sociais. O colectivo informa de que “segundo comunicou a propia vítima un grupo de homes comezaron a increpalo e chamalo “maricón” á saída dun pub. Cando a vítima contestou que o deixaran en paz os agresores tirárono ao chan e comezaron a darlle patadas na cabeza e no pescozo deixándoo ferido e sendo necesario que acudira ao hospital. No centro de saúde o médico que o recoñeceu apenas o explorou, non lle atendeu as feridas e non recolleu as feridas no parte de lesións de xeito que permitira poñer unha denuncia, polo que tivo que repetir o proceso despois de ir a denunciar”.
Ante esta violencia homófoba, cometida tamén dende as institucións, Avante LGBT denunciou posicionarse “publicamente sen medo”. “Animámosvos a visibilizar estas agresións. Estaremos aí se o precisades para axudar, acompañar ou aconsellar e Avante LGBT empregará todos os seus medios para loitar e que isto deixe de acontecer”, indican. “Loitando, todas xuntas, conseguiremos derribar o sistema cisheteropatriarcal”.