Tras a sinatura dun preacordo por parte dos tres sindicatos o 19 de marzo, a folga indefinida do sector das ambulancias prevista para comezar o 20 foi desconvocada. Un acordo de última hora, como nos explica Pedro Beade Roel de CCOO, que “se lanzou onte á unha e media da mañá” e “entenden como positivo”. Recolle, entre os anos 2016 e 2022, un “incremento dun 12% en todos os conceptos económicos e unha terceira paga extra“, comenta Beade ás cámaras de Nós Televisión, “unha reivindicación sentida do sector dende hai quince anos”, engade.
Durante a tarde do 20, será sometido ás asembleas das 7 cidades de galicia, un colectivo de 1.600 traballadores; e a partir do luns 25 negociaranse as melloras non económicas. Calculan que a sinatura definitiva do acordo, de aprobarse, levarase a cabo entre este mes ou o seguinte.
Resposta a Feijóo
E sobre as declaracións de Feijoo, que entende que este é un conflito entre a empresa adxudicataria do servizo e os traballadores das ambulacias e que pouco pode facer a Xunta máis que esperar a que remate o contrato a finais de ano, a resposta foi clara. “As empresas xestionan a concesión”, explica Beade, “pero quen garante a renovación dos IPC’s e un coste de vida correspondente é a propia administración“.