Home Programas Área Compostela Aumentan as denuncias por violencia machista e baixa a criminalidade en Compostela

Aumentan as denuncias por violencia machista e baixa a criminalidade en Compostela

0

A Xunta Local de Seguridade mantivo esta mañá unha xuntanza no Pazo de Raxoi presidida polo alcalde da cidade, Martiño Noriega, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán. Entre os puntos da orde do día tratouse a avaliación do funcionamento dos mecanismos de control en relación á violencia de xénero. Os datos achegados polo Ministerio indican que se duplicou o o número de denuncias por violencia machista, que pasaron das 9 rexistradas a estas alturas de 2016 ás 19 contabilizadas este ano.

Outro dos temas tratados foi o do índice de criminalidade que se sitúa por debaixo da media estatal.

A Policía Local remitiu ao xulgado ao longo do ano 2016 un total de 361 atestados, un 5% menos que en 2015. O número de detencións medrou un 20%, pasando das 124 de 2015 ás 149 do ano pasado. En relación aos accidentes de tráfico, no ano 2016 instruíronse 707 atestados, fronte aos 600 de 2015, un incremento do 17,83%, se ben o número de vítimas deses sinistros baixou un 15,34%, ata quedar en 182.