A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, presentou o resultado dos orzamentos participativos e informou que se incrementou a participación nun 62% con respecto ao ano anterior. Nesta ocasión foron un total de 3.578 persoas as que se interesaron por este proceso.
O resultado das votacións foi, na área de Municipal, adaptar o tránsito urbano á circulación en bicicleta e a construción dun carril entre Santiago e a praia fluvial de Chaián.
Na área de Festas do Apóstolo aprováronse a ampliación do horario do bus nas festas, unha semana de cine clásico ao aire libre e un festival no parque do Auditorio. En Mocidade escolleron dez actividades que van desde a cultura na rúa ata ecoloxía e medios audiovisuais.
En relación ao Rural as propostas aprobadas teñen como denominador común a construción de parques biosaudables e a dotación de espazos de lecer cubertos. Por barrios na zona Norte aprovou a a construción de beirarrúas na avenida do Cruceiro ata o Polígono do Tambre e a zona Sur a creación dunha área de hortas urbanas entre Santa Marta, Conxo e a Volta do Castro e unha senda peonil e practicable en bicicleta para unir a lagoa de Cornes con Conxo.