Home Programas Área Compostela Aulas baleiras na procura de máis profesorado: a loita das nais e pais de Brión

Aulas baleiras na procura de máis profesorado: a loita das nais e pais de Brión

0
Aulas baleiras na procura de máis profesorado: a loita das nais e pais de Brión

O paradigma dos recortes no ensino público e de redución de persoal está a ter unha importante contestación neste novo curso educativo e o caso máis grave sitúase neste mesmo momento no IES de Brión, onde esta semana non está a ser nada tranquila outro ano máis.

No día de onte quedou claro que a comunidade educativa do IES de Brión está completamente unida na reivindicación de máis profesorado para o Instituto. Na primeira gran xornada de aulas baleiras impulsada pola ANPA do centro houbo un seguimento masivo.

Todo o mundo sabe que fai falta máis profesorado

Ante a negativa por parte da Xunta de Galicia de dar resposta ante as súas demandas, as pais e nais do IES de Brión manteñen a convocatoria para que a rapazada continúe sen acudir ás aulas mentres que a dotación de profesorado “non sexa a precisa”.

Falta de persoal docente

Cun centro cunha dirección dimitida en apoio ás reclamas de maior dotación de profesorado, a inspección educativa mantén a súa decisión de non conceder máis persoal interino. En concreto, desde o instituto solicitan tres vacantes para poder cubrir a matrícula das materias optativas que o alumnado elixiu en primeira opción e que se viñan impartindo nos últimos anos con gran éxito dado que recibiron moitos premios dos que a propia Consellaría se ten gabado na súa política comunicativa.

Máis centros afectados

Continúan as queixas pola falta de docentes nos centros educativos de Compostela. Segundo soubo Nós Televisión tamén hai problemas noutros centros da contorna compostelá como o CEIP de Arcediago en Santiso, o CEIP Castelao de Ordes e o CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba. A falta de docentes na Primaria ou as masificacións son a tónica habitual que determinou o comezo de curso nestes centros afectados. 

En dous centros da provincia da Coruña, o colexio de primaria Barrié de la Maza de Santa Comba e o IES Pedra Viada de Brión, nais e pais están pechados para reivindicar máis profesorado. En Brión conseguiron paralizar as aulas pola ausencia de alumnado e agardan que se lles dea resposta ás súas demandas.