O deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, e o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro, asinaron un convenio de colaboración para impulsar a Aula da Natureza do Museo Etnográfico das Brañas do Valga.
A colaboración por parte da Deputación consistirá nun paquete de axudas para financiar as distintas iniciativas que cada ano pon en marcha a Aula da Natureza no concello de Mesía. Cunha dotación de 50.200 euros, a entidade etnográfica desenvolverá distintas actividades encamiñadas ao mantemento e conservación das instalacións e equipamento, abonos, sementes para as zonas de xardín, material divulgativo e didáctico para visitas, exposicións, conferencias e obradoiros. Tamén se contempla dentro destas subvencións a organización de cursos de cerámica, de uso de materiais naturais e de modelado de barro.
Unha das partidas orzamentarias máis importantes destas axudas é a designada ao gasto de persoal. O Museo Etnográfico das Brañas de Valga contratará dous peóns de xardinería e un monitor de tempo libre para poñer en marcha as distintas actividades programadas.
A Deputación vén colaborando co centro etnográfico das Brañas dende os seus inicios, en 2012, e leva destinados ao museo, un total de 323.658,75 euros, tanto para a posta en marcha da Aula da Natureza, como para a recuperación do patrimonio natural da entidade, entre outras actuacións.
Lugar privilexiado
Situados xunto a unha antiga barreira de extracción de arxila recuperada como lagoa, a Aula da Natureza e o Museo Etnográfico Brañas de Valga, está dedicada á flora e á fauna propia das humidades de Galicia, e en concreto á importancia das Brañas. Tamén se atopa dentro das súas instalacións a aula Taller-Laboratorio, dotada co equipamento necesario para acoller grupos de ata 40 persoas, e a aula de usos múltiples. Outro dos seus atractivos é a exposición sobre a explotación e o uso da arxila, o barro e a historia da cerámica en Galicia.