Este xoves fíxose oficial o que era un segredo a voces. Por vez primeira, Santiago de Compostela será a sede da Supercopa da ACB, o torneo que dá comezo á tempada 2018/19. Nesta ocasión, competirán polo título o FC Barcelona Lassa, campión da Copa do Rei, o Real Madrid, campión da Euroliga, o Kirolbet Baskonia, clasificado a través da Liga Endesa, e o Monbus Obradoiro, convidado como anfitrión.
Esta mesma mañá, asinouse no Pazo de Raxoi un acordo que é froito do “traballo en equipo”. No acto participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a concelleira de Deporte, Noa Morales, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o director xeral da ACB, José Miguel Calleja, o presidente do Obradoiro, Raúl López, e o director territorial de Endesa, Miguel Temboury.
A Supercopa suporá unha “homenaxe” a un clube “serio” e “humilde”, o Obradoiro
Non era a primeira vez que Compostela se postulaba como sede para a Supercopa, xa que o Concello o procurou o pasado ano. Desta volta si que se conseguiu, e o pavillón Fontes do Sar vibrará os días 21 e 22 de setembro co mellor baloncesto do Estado español. Porén, máis especial aínda será, se cabe, para o Monbus Obradoiro, un clube “serio” e “humilde” que plantará cara aos equipos máis potentes da Liga Endesa.
Os abonos, á venda o 3 de xullo
Os abonos sairán á venda o 3 de xullo para as e os abonados do Obradoiro, cun prezo que oscilará entre os 19 e os 35 euros. As persoas que non sexan socias do clube compostelán poderán mercalos a partires do 7 de agosto, entre 35 e 63 euros. Así e todo, as entradas individuais para os partidos estarán dispoñíbeis dende o 17 de setembro, dende os 25 até os 45 euros.