O BNG levou ao pleno do Parlamento unha proposición de Lei de Memoria Histórica, que recollía entre outras cousas a devolución dos bens espoliados, a creación dun instituto da memoria, unha comisión da verdade, a prohibición de actos e símbolos franquistas, a creación dun censo de vítimas, etc. Unha lista de 69 artigos centrados en dar un discurso veraz e en proporcionarlle xustiza ás vítimas que finalmente foi rexeitada con 32 votos a favor e 39 en contra.
Os partidos da esquerda compartiron o seu apoio á lei, necesaria porque “non hai dúas partes simetricamente responsables”, como explicou a deputada de En Marea, María de los Ángeles Cuña, xa que “a represión foi responsbilidade única e exclusiva dos xenerais e militares que se ergueron contra a legalidade da República“.
En cambio, dende o Partido Popular acusaron ao Bloque de “querer falsear a historia” e de “autoproclamada supremacia moral”, en palabras do deputado popular Aurelio Núñez Centeno. Ademais, acusou aos nacionalistas de propoñer saltarse os procedementos xudiciais con esta lei á hora de devolver ben como o Pazo de Meirás e a Casa de Cornide. O deputado engadiu que é algo ao que “nin se quera Franco se atreveu” e que polo menos se “dotou dunha apariencia de legalidade para apropiarse dos bens”.
Isto, segundo o deputado nacionalista Luis Bará é o “mesmo que levan decindo estes últimos anos” dende o Partido Popular, como “cando insultaron e humillaron ás vítimas decindo que as familias e as asociación apareceron cando había subvencións para bucar os corpos dos seus familiares”. Tamén resaltou que os populares “seguen a actuar como testaferros ideolóxicos e biolóxicos do franquismo” e que son “exterminadores e enterradores da memoria, da xustiza e da reparación”, engadiu.