Compostela sitúase a cabalo entre as cuncas do Ulla e do Tambre. A día de hoxe territorios gravemente agredidos ambiental, social, sanitaria e economicamente.
A poboación afectada supera os catrocentos mil habitantes repartidos en 51 concellos.
Esta Rede de plataformas de Compostela centra a súa actuación nestas dúas cuncas que constitúen o espazo natural da comarca compostelá.
A orixe dos problemas que afectan a todo este ámbito xeográfico e a Galicia en Xeral está nunha falta de sentido de país, que se manifesta nunha nula planificación do territorio, na rapiña predadora de empresas foráneas sobre os nosos recursos naturais, no empobrecemento económico, na perda de poboación no rural, no aumento da contaminación ambiental, en danos na saúde, etc.
Todo o anterior é posible porque a lexislación é laxa en cuestións de medio ambiente e favorecedora dos poderes económicos fronte aos cidadáns. Cada cambio lexislativo que se fai afonda contra os intereses de Galicia, vaia de exemplo a Lei de fomento de implantación de iniciativas empresariais de Galicia que desprotexeu a poboación en materia de minas, montes, enerxía eólica, etc. reducindo os prazos de resposta dos afectados para a defensa dos seus intereses e facilitando os tramites as empresas.
Ás facilidades lexislativas hai que engadirlle a tolerancia dos nosos gobernantes cara ás empresas obviando a propia lexislación nas concesións da autorizacións, eludindo o control real das actividades autorizadas e dificultando a tramitación de denuncias por parte dos particulares ou dos diversos grupos sociais.
Cada vez máis o rústico está desprotexido. Cada vez que se lexisla nominalmente en defensa do rústico realmente máis se desprotexe. A interacción territorial fai que este aumento da desprotección acabe afectando tamén aos pobos e as cidades.
A posible posta en marcha da mina de Touro – O Pino é, sen dúbida, o caso máis evidente de como unha actividade mineira pode intoxicar e destruír a economía dunha poboación de mais de 200.000 persoas. Mais aínda tendo en conta que os beneficios económicos brutos que podería obter a empresa, de capital estranxeiro maioritariamente, é infinitamente menor que a riqueza económica que destrúe. Neste caso non é menos importante coñecer a traxectoria da empresa en cuestións medioambientais, sirva de exemplo a sentencia que recaeu nos últimos días sobre a mina que ten en Huelva.
Pero o problema da mina de Touro – O Pino non é so un problema futuro, tamén é un problema pasado e presente. Da falta de control e mantemento dos terreos da vella mina derivan moitos dos problemas actuais de contaminación dos ríos da contorna que alimentan o Ulla. E a pretendida restauración con tecnosolos iniciada polo 2003, a parte de non remediar a desfeita medioambiental, supón un importante deterioro na calidade de vida dos veciños.
A falta de depuración das augas urbanas fai que Galiza incumpra a Directiva Europea Marco da Auga, cos seus ríos e rías notablemente deteriorados, roubándolle á veciñanza paisaxes de ribeira, biodiversidade e espazos de lecer.
O Sar leva décadas cunha depuración ineficiente pola obsolescencia das depuradoras da Silvouta de Santiago de Compostela e a Sisalde dos concellos de Ames e Brión: o territorio Rosaliano convertido nunha cloaca polas neglixencias políticas.
O nulo control feito por parte da Consellería de Medio Ambiente da planta de tecnosolos e do vertedoiro na canteira de Miramontes en Grixoa sigue provocando o envelenamento do solo e da cunca do Tambre. A consellería non pode alegar neste caso descoñecemento xa que os informes redactados polos seus técnicos baseados en inspeccións a ámbalas dúas plantas así o din. Neste asunto Augas de Galicia, tan “sensible” cos cidadáns, tamén mira cara outro lado.
Que dicir do gran vertedoiro da Areosa, vencellado a SOGAMA, na cunca alta do Lengüelle, afluente do Tambre, situado a escasos quilómetros do punto onde Santiago de Compostela toma a auga, e no que se está a verter sen control lixo procedente de toda Galicia. Vertedoiro que forma parte da gran industria semiprivada do lixo favorecida polo Goberno Galego liberada de reciclar un lixo polo que cobra. Industria baseada dun xeito interesado nun modelo absolutamente ineficiente e altamente agresivo co medio e a salubridade.
Como si os dous vertedoiros anteriores xerasen poucos danos hai escasos días a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental aprobou a declaración de impacto ambiental dun novo vertedoiro na parroquia de Lesta, en Ordes, a escaso medio quilómetro do da Areosa e tamén sobre unha rede de regatos que verten no Lengüelle. Esta aprobación fíxose sen ter en conta o informe urbanístico desfavorable do Concello de Ordes, nin o informe sobre a existencia de varias especies protexidas. Ademais o proxecto non inclúe unha avaliación dos efectos previsibles directos ou indirectos acumulativos e sinérxicos sobre a saúde humana, nin se contemplan medidas protectoras para a saúde. Neste senso é importante sinalar a proximidade do Vertedoiro da Areosa e planta de tratamento de residuos animais de GESUGA. Tampouco incorpora unha análise de risco medioambiental nin o plan de emerxencia ambiental. A súa posición na cunca do Tambre supón un risco para o abastecemento de auga da cidade de Santiago de Compostela e concellos limítrofes.
Pero non son só as grandes empresas ás que se ven favorecidas polo poder político e a administración. A destilería de Rois está a envelenar o val no que se asenta. Están probados estatisticamente os danos respiratorios que se producen no gando nos seus períodos anuais de funcionamento. Non parece insensato deducir os mesmos danos para a saúde humana. Neste senso compre sinalar que nas proximidades da planta sitúase unha gardería, un centro de saúde, un núcleo de poboación, etc.
A comarca de Ordes está atravesada por numerosas liñas eléctricas que se concentran na subestación do Mesón. A día de hoxe estanse repotenciando liñas existentes e están proxectadas novas liñas para evacuar os parques eólicos. Tamén se prevé a repotenciación da subestación do Mesón. En todo este proceso non se están a seguir as normativas relativas a construción das liñas nin se ten en consideración o seu impacto na saúde humana. Isto é especialmente grave no núcleo do Mesón do Vento que está atravesado por numerosas liñas aéreas de alta capacidade vendo afectada a saúde da súa poboación e o seu desenvolvemento urbanístico.
Os problemas de Ordes coas empresas enerxéticas non se limitan aos corredores eléctricos, agora outra empresa de capital saudí pretende a construción dun megaparque eólico. Resulta cando menos chocante a instalación de este parque por canto na comarca non existe recurso eólico. O seu impacto sobre o medio e a poboación é previsible e importante. Ademais constitúe unha mostra evidente da falta de planificación da administración autonómica xa que a súa implantación é incompatible coa actividade gandeira.
O último despropósito que se nos ven enriba xurde en Casalonga, no concello de Teo. Unha empresa merca os terreos dunha antiga canteira situada no medio dunha zona residencial altamente poboada, cun importante patrimonio cultural e etnográfico e rodeada de mananciais que abastecen de auga á contorna. Solicita instalar alí unha planta de tratamento de residuos de grandes dimensións e un vertedoiro once veces superior ao da Grixoa disfrazado dun “plan de restauración da canteira”. Unha empresa que ademais acumula varias denuncias e algunha multa por actividades contra o medio ambiente.
A forte e rápida protesta veciñal e os informes negativos do concello están parando momentaneamente estes proxectos pero, unha vez máis, a inaxeitada lexislación sobre a ordenación do territorio e os residuos deixa á poboación desprotexida.
A propia relación das plataformas que integran esta Rede de Plataformas da mostra da situación límite na que se atopa a contorna de Compostela e as cuncas do Tambre e da Ulla.
Diante desta situación non cabe quedar de brazos cruzados e é preciso crear a conciencia de que non é só un problema do rural. As cidades e pobos das dúas cuncas con Santiago de Compostela á cabeza xa están sufrindo as consecuencias de estas agresións ao medio natural.
A auga que bebemos xa está afectada polos vertidos a que facemos referencia.
O aire que respiramos xa trae partículas contaminantes destas actividades.
A terra non aguanta máis presión contaminante e incorpora esta contaminación á auga e á cadea alimentaria.
Todo o antedito ven a demostrar unha falla de protección dos dereitos dos cidadás por parte dos que teñen a obriga do goberno e da xestión da administración. Por todo elo pedimos que se reforme o corpo lexislativo relativo as autorizacións ambientais e a ordenación do territorio, que se cumpra coa lexislación tanto en canto as autorizacións como en canto ao seguimento das actividades autorizadas, que non se poñan trabas artificiais e mesmo ilegais aos cidadás que denuncian os abusos e esiximos responsabilidade e, por riba de todo,