A Mesa pola Normalización Lingüística presentou esta mañá en Compostela o informe O uso do galego nas páxinas web das entidades bancarias, no que analiza como empregan os bancos o galego nas súas páxinas web, aplicacións e caixeiros, facendo especial fincapé naquelas que teñen un convenio público coa Xunta de Galiza e que, polo tanto, actúan como ferramenta e medio para realizar pagamentos de multas, taxas, bolsas, sancións e demais procedementos administrativos de obrigado cumprimento. Sobre esta nova denuncia, conversamos co presidente e vicepresidenta da entidade, Marcos Maceira e Elsa Quintas.
Versión en catalán ou en inglés pero sen galego
Segundo o recollido neste Informe, ningún banco garante o dereito da poboación galega a usar a súa lingua e unicamente 4 das 14 “entidades financeiras colaboradoras” ás que as persoas usuarias deben acudir para realizar determinados trámites como obrigatorios e necesarios como o pagamento de taxas universitarias, sancións administrativas, diversas taxas por servizos públicos administrativos ou venda de bens, entre outros, ofrecen servizos web en galego. “Cada día é mais habitual”, advirte Marcos Maceira, presidente da Mesa, “realizar as actividades bancarias mediante Internet, independentemente do grupo de idade. De forma que aos galegos e galegas impónselles a obriga de realizar os trámites obrigatorios e públicos en español sen opción en galego, a pesar de pagaren taxas e prezos á Xunta”. “Tan só o 33,33% das entidades garante o uso do galego na web, unha porcentaxe menor que o de linguas non oficiais como o inglés, que está presente nun 42% dos casos”, denunciou Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa e responsábel do Observatorio de Dereitos Lingüísticos.
