Nunha época na que a soidade mata e as enfermidades abafan, resulta fundamental obter recursos capaces de mellorar a calidade de vida. Organizacións como a Asociación Dereito a Morrer Dignamente, da que é presidenta Ascensión Cambrón, vinculan o dereito a unha vida digna co dereito a unha morte digna. Como se tratasen do yin e do yang, un non existe sen o outro.
“Á nosa asociación diríxense moitas persoas que queren saber que se pode facer parar morrer, sobre todo persoas con doenzas neurodexerativas“, indica Cambrón. O 87 por cento da cidadanía española amósase a favor de regular a eutanasia segundo a última enquisa da empresa de sondaxes Metroscopia. Por esta razón, En Marea quere recoller este sentir social e regular a eutanasia e o suicidio asistido. Tendo isto como meta, o grupo parlamentario e a Asociación polo Dereito a Morrer Dignamente organizan este venres unha xornada de debate no Parlamento Galego. “Hai partidos políticos aos que xa non nos diriximos”, avanza.
O encontro contará coa presenza da propia Ascensión Cambrón, o veciño de Ramón Sampedro e activista, Xosé Lois Vilar, e a médica do Servizo Galego de Saúde, Isabel Blanco, nunha conversa conducida polo voceiro de En Marea, Luís Villares. Trátase dunha xornada aberta ao público e ao resto dos grupos políticos do Parlamento, que poderán anticipar un debate que terá lugar na cámara nas vindeiras datas.