As vítimas colaterais da caza de bruxas do PP

Unha das empresas sobre as que o PP de Santiago está a sementar dúbidas desmente calquera trato de favor por parte do Concello de Santiago

- Publicidade -

“Somos unha empresa nova e traballamos sen enchufismo”. Esta mañá quixemos conversar cunha protagonista involuntaria do terremoto político que se vive no Pazo de Raxoi trala denuncia pública do PP.

Unha vinculación familiar que non existe

7H Sociedade Cooperativa Galega é unha empresa compostelá de mediación e creación cultural e está inserida na relación de empresas sobre as que o Partido Popular está a sementar dúbidas. Unha antiga socia da empresa é a irmá da actual concelleira de Deportes de Santiago, Noa Morales. Agora, desde a empresa aludida polo Partido Popular responden: “É certo que foi socia nos principios da cooperativa pero non o é desde finais de 2016”. Negan, en todo caso, calquera trato de favor por parte do Concello de Santiago polo que lles custa entender a polémica suscitada desde a mañá de onte: “Presentámonos sempre a licitación e a concorrencia competitiva”

Lamentan desde a empresa que se sintan “involucradas en liortas políticas” e din non comprender as razóns polas que teñen que xustificar os motivos polos que presentan proxectos no Concello de Santiago posto que desde a propia cooperativa realizaron, ao longo dos últimos anos, traballos para diversos concellos de diverso signo político, coas Deputacións e mesmo coa Xunta de Galicia.

Desde a pequena empresa compostelá, con sede na avenida de Romero Donallo, síntense perxudicadas por unha polémica sen pés nen cabeza. Desde a cooperativa traballan valores como a igualdade, a soliedariedade e o compromiso social e está conformada por creadoras, axentes e educadoras de moi distintas disciplinas. “Dáse a entender que non somos merecedoras de que contraten os nosos proxectos” resaltou a mesma Clara Rodríguez.

Nós simplemente queremos traballar

Ao longo da traxectoria desta cooperativa teñen recibido diversos recoñecementos da Xunta de Galicia como ou Premio Emprende Gaiás-Sixto Seco 2014 ou o Premio aos Valores Cooperativos no 2016 ou, máis recentemente, o Premio Begoña Caamaño outorgado este ano pola Deputación da Coruña polo proxecto Elas tamén Pintan. E claro, isto non. “É triste que non nos chamaran desde a prensa polo premio que nos deron e si por esta polémica” declarou Rodríguez ante as nosas cámaras

- Publicidade -