A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia este xoves novamente o colapso no servizo de urxencias do Hospital Clínico Universitario de Santiago. O colectivo sinala que este mércores, 8 de xaneiro, ás 19.50 horas, 18 pacientes graves “agardaban a ser atendidos, en padiolas e cadeiras de rodas, nos corredores de acceso dos servizos de urxencias do CHUS, soportando un dano moral e físico que non están obrigados a padecer”. Mentres tanto, sinalan, que 38 pacientes, con ingresos asinados, agardaban o traslado a planta nas zonas de traballo nas que deberan ser atendidos os e as pacientes do corredor.
Dende esta asociación consideran que os servizos de urxencias do CHUS levan anos sendo unha “trituradora asistencial” para os pacientes e usuarias “xa que porque os responsables sanitarios de garantir os nosos dereitos non achegan os medios materiais e humanos necesarios en todas as especialidades do clínico e nos servizos de atención primaria que reduzan a asistencia de pacientes ao servizo e que permita dispoñer das camas cando a nosa saúde o require”.