Un ano máis, as Festas da Peregrina de Pontevedra contarán con tres xornadas de tauromaquia que cada vez menos xente semella comprender. En consecuencia, coincidindo cunha das “corridas de touros”, o sábado 11 de agosto celebrarase na cidade do Lérez unha manifestación “antitouradas” que partirá ás 20.00 horas da praza da Peregrina.
Os eventos taurinos son alleos á cultura galega
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza convida a participar nesta mobilización. Fins Eirexas, representante de Adega, considera que “as touradas non poden ter cabida na sociedade actual”, e salienta que este tipo de eventos son “alleos á cultura galega”.
Política forestal da Xunta
Por outra banda, Eirexas valorou tamén a insistencia da Xunta en basear a súa política forestal no eucalipto. Para o representante de Adega, isto evidencia o “fracaso” do modelo de xestión impulsado polo Goberno galego. Dende a asociación ecoloxista lamentan o “risco” que a excesiva plantación desta árbore supón para os montes do país.