As redeiras de Portosín que traballan na Nave de Redes denuncian o “abandono total” por parte da Administración logo de levar unha semana sen subministo eléctrico. O corte de luz, que se produciu o pasado mércores, fai que teñan que traballar a escuras e con frío. “Estamos constipadas e con dor de cabeza”, lamentan, “e aquí ninguén se fai responsable”.
O corte de subministro eléctrico produciuse ao mudar o tipo de contador, segundo relatan as propias traballadoras que xa están en contacto coa Cofradía e Portos de Galicia. “Din que nos van traer un xenerador, pero cando? Se agora veñen os festivos santos”, apuntan. As traballadoras reclaman unha solución urxente para poder desenvolver o seu traballo nunhas condicións dignas.