Home Programas Espazo Aberto As pensionistas galegas súmanse á folga

As pensionistas galegas súmanse á folga

0
As pensionistas galegas súmanse á folga

Os sindicatos seguen a quentar os motores de cara á convocatoria de folga feminista do vindeiro xoves 8 de marzo. A delegación de Galicia de Comisións Obreiras celebrou este martes un encontro con xubiladas pensionistas de todo o país no que convidou ás mulleres galegas a participar nas mobilizacións programadas para o Día Internacional da Muller. As pensionistas de Galicia son conscientes da “gravidade” da situación. Isabel Mouriño, secretaria da área de Muller da Federación de Pensionistas de CCOO, lembra que a fenda salarial actual “influirá nas futuras pensións” de tódalas traballadoras.

A actual fenda salarial vai influír nas pensións de tódalas traballadoras

A considerábel diferenza de soldos entre homes e mulleres pódese explicar, segundo indican dende CCOO, co “emprego a tempo parcial, a precariedade ou as fendas nas taxas de actividade”. Alén diso, a secretaria de organización do sindicato, Mabel Pérez, salienta que a desigualdade non se produce unicamente no eido laboral, xa que moitas mulleres sen emprego vense obrigadas a ocuparse das tarefas domésticas e o coidado da familia. Por todo isto, as mulleres galegas toman “conciencia colectiva” e pulan por lograr as mudanzas precisas na sociedade.

Dende CCOO agardan que o seguimento da folga sexa “masivo” e que nas concentracións e mobilizacións participen todas aquelas persoas que tentan mudar as desigualdades sociais e defender os dereitos do colectivo feminino.