Compostela é unha cidade marcada por unha forte pegada literaria. Dende o vindeiro luns, o parque de Fonseca amosará o potencial do “poder das palabras” grazas ao proxecto ‘O xardín das pedras que falan’, unha espiral pétra composta por pequenas pedras nas que se gravarán textos inéditos asinados por escritores e escritoras de todo o mundo.
A espiral de pequenas pedras ubicarase no parque de Fonseca
Este proxecto foi concibido polo escritor Suso de Toro, que pretendía pór en valor o “potencial mitolóxico” da cidade. A partires do culto ás pedras da cultura celta e o mito do sepulcro do Apóstolo Santiago, o prolífico autor tenta con esta iniciativa converter Compostela nun “foco de peregrinacións” literario.
Acto de inauguración o vindeiro luns
As tres primeiras pedras amosarán textos de Rosalía de Castro, Luz Pozo Garza e Seamus Heaney, e serán colocadas o luns nun acto que servirá de homenaxe á literatura “en conxunto”. Acudirán o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, o reitor en funcións da USC, Juan Viaño, o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, a viúva do autor norirlandés, Marie Heaney, e a propia Luz Pozo Garza.