Compostela consolida, en palabras do seu Goberno, o “ano da obra pública”. Entre o 20 de agosto e o 12 de setembro iniciaranse na cidade unha ducia de proxectos, que terán un valor total de 3 millóns de euros. O máis ambicioso deles será o plan de reurbanización das rúas Castrón Douro e Patio de Madres, unha “demanda histórica” da veciñanza, segundo apuntou este mércores o concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras, Rafael Peña.
Un importante plan de obras: O Concello iniciará unha ducia de actuacións por un importe de 3 millóns de euros
Asemade, comezará tamén a finais deste mes a instalación dun ascensor na rúa Triacastela, que ten por obxectivo mellorar a accesibilidade entre a avenida de Lugo e a rúa dos Concheiros. O ascensor terá capacidade para 16 persoas e será inaugurado, segundo as previsións iniciais, antes do remate de 2018.
O plan municipal de obras para os vindeiros meses complétano as actuacións nas rúas Ponte Marzán, As Cancelas, Santa Isabel ou Bispo Diego Peláez, así como na parroquia de Busto. Tamén se iniciará nas vindeiras datas a primeira fase do proxecto da sinalética no rural.