As novas empresas da “familia política de Compostela Aberta” tiveron máis ingresos baixo o goberno do Partido Popular na cidade

O Partido Popular local ofrece unha nova relación de 18 novos contratos menores malia que estas empresas viron reducida a súa facturación co Concello de Santiago en máis de 80.000€ con respecto ao anterior goberno municipal

O Partido Popular local teima na súa estratexia de investigación dos entornos persoais máis íntimos e familiares relacionados con Compostela Aberta. Sánchez-Brunete puxo hoxe na picota a diversas q empresas do tecido veciñal, cultural e asociativo da cidade; moitas delas que existían previamente ao xurdimento de Compostela Aberta, e cuxos contratos ascenderían a 166.739 euros durante o mandato do actual goberno municipal na cidade.

O PP engade estes novos contratos menores a rede que xa definen internamente como a “familia política da Compostela Aberta”. Sendo totalmente conscientes da ausencia dalgún componentes ilícito, o PP local continúa apuntando contra empresas que traballan para moreas de institucións de diversas cores políticas e, mesmo, para a Xunta de Galicia.

Temos a conciencia moi tranquila

“Van pola xente pola súa ideoloxía” censurou na mañá de hoxe María Rozas, tenente de alcalde. A edil compostelá lamentou o emprego de “técnicas de mafia” e aportou datos sobre os novos contratos menores presentados polo Partido Popular. Pois ben, estas novas empresas verían reducida a súa facturación no Concello de Santiago en practicamente 80.000€: dos 249.417€ durante a etapa do PP aos 166.739 durante o mandato de Compostela Aberta o que, ao xuízo de María Rozas, amosa que non existe ningún trato de favor nestes contratos. “Son empresas que contratou o goberno de Agustín Hernández” chegou a resaltar hoxe a primeira tenente de alcade o que amosaría que “non existen” privilexios.

Contratos menores

Rozas tamén deu resposta ante as denuncias polos supostos “abusos” nos contratos menores polo actual goberno de Santiago e quixo achegar datos comparativos con respecto aos anteriores gobernos municipais e doutros concellos como, en especial, o de Pontevedra. A tamén edil de Facenda en Compostela relatou que os importes dos contratos menores do último período en Santiago (2018) chegaron aos catro millóns de euros anuais fronte os sete do último goberno do PP do ano 2014; cifras aínda máis chamativas se son comparadas co gasto de case 10 millóns de euros en contartos menores do último período no goberno municipal de Pontevedra; concello gobernado polo BNG.

- Publicidade -