A punta do iceberg do desmantelamento da sanidade pública en Galicia atópase na provincia de Ourense. Nos últimos días, a presión popular e mediática fixouse no conflito aberto no concello de Verín onde o Sergas pechou os servizos de paridoiro e pediatría. As traballadoras do Hospital iniciaron este luns un peche despois de que unhas 20.000 persoas se manifestaran esta fin de semana en contra do desmantelamento do complexo hospitalario baixo o lema ‘Verín non se pecha’. Dende o grupo parlamentario Mixto solicitan dimisións.
O Concello de Verín emitiu un comunicado a través do que se encara coa Xunta e reivindica a continuidade dos servizos de paridoiro e pediatría no Hospital. “Non nos cremos as desculpas da Xunta que buscan inculcar o medo ás mulleres de Verín”, sostén a deputada do BNG por Ourense, Noa Presas.
O desmantelamento da sanidade pública en Ourense ten un nome propio e ese é Félix Rubial, encargado da xerencia do Sergas nesta provincia. Antes de chegar aquí, Rubial encargabase da Atención Primaria en Vigo pero tras unha serie de dimisións en bloque, os altos cargos do Sergas decidiron envialo a Ourense. Se nos remontamos un pouco máis no tempo, Félix Rubial era o director xeral de Asistencia Sanitaria cando morreron seis persoas enferma da Hepatite C polo retraso na aplicación do tratamento. O xulgado de instrucción número 3 de Compostela imputárao por seis delitos de homicidio imprudente e prevaricación administrativa.
Dende o PSOE coinciden cos demais grupos da oposición na continuidade dos servizos de paridoiro e pediatría no Hospital de Verín. “Como pode existir unha cidadanía que está perdendo servizos por culpa duns políticos que nin se achegan a ningún lado nin saben da realidade”, sostén o deputado socialista Julio Torrado.