A musicalidade das verbas de Eduardo Pondal levou ás elites culturais galegas da Habana a converter o seu poema Os Pinos, baixo a batuta de Pascual Veiga, no himno de Galicia. Agora, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega está a artellar a publicación dun CD musical con diferentes versos do prolífico autor.
Voces variadas de diferentes idades
As voces que ilustren as súas letras serán variadas, xogando coa idade do poeta no intre en que escribiu cada un dos poemas escollidos. Cómpre salientar, neste senso, a colaboración de Lidia Piñeiro ou Xoán Padín. Os versos de Pondal soarán ao ritmo dos estilos musicais actuais: haberá tango, valse, pop e mesmo rock. Os traballos de gravación das diferentes pezas están xa rematados, e dende a AS-PG confían en que, após a edición e maquetación finais, o disco poida saír á venda o vindeiro mes de novembro.