Os tres ‘Reis Magos’ non estarán sós na noite do 5 de xaneiro. Os tres tradicionais personaxes do Nadal serán acompañados na Cabalgata por fadas e avelaíñas, xa que o protagonismo este ano será tamén para os seres clásicos da mitoloxía galega. Con motivo da celebración do Ano Europeo do Patrimonio no 2018, o Concello de Santiago pretende visibilizar as lendas e contos populares de Galicia.
Buscamos unha cabalgata participativa
Como vén sendo habitual nos últimos anos, segundo indicou a concelleira Branca Novoneyra, o Concello aposta de novo por unha cabalgata participativa e inclusiva. A cidadanía compostelá poderá participar de xeito voluntario na organización do desfile, formar parte das carrozas ou mesmo encarnar ós paxes de Melchor, Gaspar e Baltasar. O prazo de inscrición para concorrer á cabalgata rematará o vindeiro luns 18.
A cabalgata partirá da estación de trens ás 17.30 horas, e rematará na Praza do Obradoiro arredor das 19.30. Como peche do percorrido, haberá un espectáculo de circo aéreo e, inmediatamente despois, os tres Reis recibirán ás nenas e nenos de Compostela no Salón Nobre do Concello.