Home Programas Área Compostela As labregas galegas tamén serán protagonistas neste 8-M

As labregas galegas tamén serán protagonistas neste 8-M

0
As labregas galegas tamén serán protagonistas neste 8-M

A Secretaría das Mulleres do SLG convoca o seu XIV Encontro, os días 9 e 10 de marzo en Nigrán. Desta quenda, o foco recae no “Corpo e Territorio”, poñendo o foco na “mercantilización tanto do corpo da muller como do territorio“, comenta a responsable María Ferreiro.

Dende o Sindicato Labrego Galego, e con perspectiva ao Día da Muller,  tamén queren salientar a importancia de compartir a súa perspectiva como mulleres e como labregas, dous sectores tradicionalmente discriminados. Así, María Ferreiro explica que este 8M “está vinculado a unha folga loboral, de coidados e de consumo“, os tres temas moi centrais na axenda do sindicato

O contexto

A propia María Ferreiro tamén falou da implicación do Sindicato Labrego Galego na Folga de Mulleres do 8 de marzo, da que esta organización agraria foi un dos colectivos que convocan, tanto este ano como o ano pasado. Para Ferreiro, está plenamente xustificada a participación das labregas galegas, tanto no eido laboral, como no dos coidados ou no do consumo.

No eido laboral, explicou Ferreiro, “hai moitas mulleres labregas que non están cotizando a Seguridade Social e que, nun plano laboral están a ser totalmente invisibilizadas, consideradas polo sistema como simple axuda familiar. Nesta problemática segue candente a cuestión da titularidade compartida nas explotacións: na Galiza, estímase que unhas 30.000 labregas non son titulares da explotación familiar na que traballan a diario. A pesares de que existe unha lei que permite a cotitularidade nas granxas dende 2011, para propiciar a igualdade de dereitos laborais na profesión agraria, na Galiza só se deron de alta como cotitulares 18 mulleres dende aquela”. No conxunto do Estado, a proporción é de 350.000 labregas non titulares e 522 altas na cotitularidade (datos actualizados a decembro de 2018).

“No rural existe unha forte división sexual do traballo”, proseguiu a responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, “e a parte dos coidados está asumida maioritariamente polas mulleres. Ademais, no rural dáse a circunstancia de que os servizos e recursos para conciliar a vida familiar e laboral -residencias, garderías, centros de día, etc.- son practicamente inexistentes”.

“Como organización e como mulleres labregas levamos moito tempo cuestionando o consumismo irracional no que se basea o noso sistema económico e alimentario. Somos produtoras de alimentos, pero percibimos uns prezos irrisorios por eles en comparación co que pagan polo produto final consumidores e consumidoras, con marxes comerciais que decotío superan o 1.000%. Por iso, apoiamos a folga de consumo tamén, porque é necesario repensar que consumimos e de que maneira o facemos, pensar nas condicións laborais e na remuneración do traballo agrario que se agachan detrás de cada alimento que mercamos”.