As granxas galegas perderon 66 millóns de euros en 2018 por cobrar o leite por baixo da media europea

O prezo medio de 31,9 céntimos que perciben as explotacións galegas sitúase ao nivel de Bulgaria, Romanía, Hungría, Lituania, Portugal e Eslovaquia, moi lonxe da media de 35,56 céntimos na UE ou dos 35 céntimos de Asturias

O Sindicato Labrego Galego alertan que o diferencial existente entre o prezo medio do leite na Unión Europea e en Galicia supuxo para as nosas granxas unhas perdas de 66 millóns de euros en 2018, o que dá unha media de 5’5 millóns de euros por mes. Isto acontece, segundo explican desde o SLG, por termos un dos prezos máis baixos da UE, cunha media de 31’9 céntimos por litro.

Neste senso, se comparamos o prezo medio do noso leite con outros países e rexións produtoras, o panorama é desolador. Só hai sete países na Unión Europea cuxo prezo medio baixe dos 32 céntimos: Bulgaria, Romanía, Hungría, Lituania, Letonia, Eslovaquia e Portugal. No outro extremo dos prezos estarían algúns dos principais produtores de leite da UE, cun prezo medio en novembro de 2018 de: Irlanda (39’04 céntimos), Holanda (37’25 céntimos), Italia (37’08 céntimos), Alemaña (37’16 céntimos), Austria (38’68 céntimos), Bélxica (35’69 céntimos), Dinamarca (37’93 céntimos) ou Franza (36’73 céntimos).

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

As industrias néganse a repercutir a alza de prezos dos lácteos

Iso si, malia a tendencia europea á suba do prezo do leite, tampouco chega ao noso país. Lamentan desde o Sindicato Labrego Galego  que as industrias “non teñen pensado repercutir a revalorización do leite nas granxas, polo menos non segundo o incremento de beneficios que elas están a recadar”. Así, resaltan a súa completa indignación coas industrias, por forzar a que o noso país continúe “no furgón de cola de Europa en canto a prezos”; como tamén a indignación cunha Consellaría de Medio Rural que “segue totalmente despistada sen facer absolutamente nada diante desta situación”.

 

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -