O Sindicato Labrego Galego volve erguer a voz contra os abusos cara o sector lácteo galego. Nun comunicado de prensa, o sindicato destaca os datos do Estudo de Custes e Rendas das Explotacións Agrarias (Ecrea) do sector lácteo correspondente ao ano 2017 que fixa en 39 céntimos o custe medio para producir un litro de leite de vaca nunha granxa galega, “un valor moi afastado dos 32,3 céntimos que cobraron as nosas granxas en marzo”, segundo o último informe do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega).
Con estes dous datos na man, o SLG bota contas e sostén que no 2019 o sector lácteo galego deixou de ingresar case 160 millóns de euros (159.596.767 €). “Isto supón unha media de máis de 13 millóns de euros por mes (13.299.730 €)”, sinalan. Segundo explican, o cálculo realizouse en base aos litros de leite producidos mes a mes na Galiza en 2019, multiplicados en primeiro lugar por 39 céntimos; e, en segundo lugar, polo prezo medio de cada mes ese ano na Galiza.
O Sindicato Labrego Galego está a estudar a posibilidade de denunciar estes feitos diante da Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica) e, eventualmente, valorar as posibilidades de éxito dunha demanda xudicial “semellante á que xa está en marcha contra o cártel do leite”. “De feito, a obriga das granxas a vender por baixo de custe, feito que certifica o Ecrea, podería facer incorrer en fraude a maioría dos contratos asinados por non cumprir a cláusula dos custes de produción”, denuncian.