Moitos historiadores sitúan as orixes de Galicia na provincia de Gallaecia, fundada no século III d. C. no marco da antiga Hispania. Para afondar en coñecementos sobre esta época, o historiador Martín Fernández Calo presenta Estado, poder e estruturas políticas na Gallaecia, un libro froito dunha longa investigación que analiza este fito histórico.
Porén, Fernández Calo lamenta que este período tan transcendente na historia do país sexa case “esquecido” nas aulas e se explique con pouco detalle, ao igual que acontece con outras épocas como a monarquía galega da Idade Media. O autor considera que a causa principal ben podería ser a visión “españolista” que impera na Educación.
O libro foi publicado pola editorial Blukk, que comeza abrirse paso no eido cultural. O seu editor, Luís Magarinhos, salienta o gran contido “educativo” desta obra. Estado, poder e estruturas políticas na Gallaecia comezará nas vindeiras semanas a súa fase de lanzamento, e será posto á venda na páxina web da editorial e noutras plataformas dixitais.