Home Programas Espazo Aberto As Enfermeiras eventuais en loita lanzan as súas propostas contra a precariedade no sector

As Enfermeiras eventuais en loita lanzan as súas propostas contra a precariedade no sector

0
As Enfermeiras eventuais en loita lanzan as súas propostas contra a precariedade no sector

O colectivo de Enfermeiras eventuais en loita lanzou este venres un documento no que recollen unha serie de propostas de cara a mellora da enfermaría no SERGAS que, segundo salientan, pode ser extensible a todo o persoal eventual. No texto, que poden consultar aquí, solicitan que a Administración “cumpra ca súa obriga legal de transparencia, poñendo en funcionamento e dando publicidade a un Sistema de Rexistro de Persoal que permita cuantificar e definir as prazas actuais, a súa cobertura e as previsións de xubilacións ca fin de coñecer con exactitude o estado real da totalidade do plantel de Enfermaría do Sergas”.

Esixen a consolidación dos postos de traballo cubertos ata o de agora por persoal temporal e a fin da taxa de reposición, “que impediu que dende 2012 se convocasen todas as
prazas de persoal que foron quedando vacantes cas xubilacións ou por outros motivos”. Con isto, o seguinte paso sería a convocatoria dunha “gran” Oferta de Emprego Público, a “MACRO-OPE”, que inclúa todas as prazas vacantes, “as que dende o 2012 non foron ofertadas debido a taxa de reposición e as que se consideren necesarias crear en función das necesidades reais dos servizos e da adaptación dos ratios enfermeira/paciente aos estándares recomendados para a poboación galega”. Con respecto á “MACRO-OPE”, piden un temario pechado e único.

A maiores, esixen a fin dos contratos en fraude de lei, igualdade de trato en canto aos dereitos de permisos que o persoal estatutario fixo e “as modificacións legais necesarias para que situacións como a actual non volvan repetirse e garantir no futuro un emprego estable e de calidade”.