O colectivo ‘Enfermeras eventuais en loita’ lanzou un comunicado para replicar as cifras de temporalidade emitidas polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) que resaltou que de “máis de 10.500” enfermeiras e enfermeiros “o 88% é persoal estable” ou, o que é o mesmo, unha temporalidade dun 12 por cento. Estes cifras foron cualificadas polas enfermeiras de “opacas, terxiversadas e manipuladas” xa que segundo os datos ofrecidos polo Consello de Contas a temporalidade é dun 40% en Atención Especializaa e un 28,1% en Atención Primaria.
A disparidade dos datos deberíase, segundo apuntan, a que o SERGAS inclúe as interinidades dentro do persoal que considera “estable”. Non son os únicos datos nos que non concordan. O colectivo denuncia que o SERGAS presumise do ratio enfermeira-doente botando man de datos do 2016 no que era de 4 por cada 1.000 habitantes. “Segundo o último informe do INE (de novo outro organismo oficial e independiente) de profesionais sanitarios colexiados publicado fai poucos meses con datos referidos o ano 2018, a media de enfermeiras por cada 1000 habitantes é de 6.55 en España, en Galicia é de 5.37, o que bota por terra os datos da Xunta situando a Galicia á cola de España (a terceira peor autonomía) e á cola de Europa”.
“Os datos ofrecidos polo Consello de Contas, polo INE e por organizacións sindicais, son os que facemos nosos para denunciar a dramática situación vivida polo colectivo, datos que á súa vez deslegitiman aos do SERGAS, cheos de maquillaxe contable e político”, sosteñen as Enfermeiras en loita que denuncian as “formas alegais” que usa a Administrar para cubrir as ausencias do persoal fixo. Ao mesmo tempo, solicitan aumentar o número de enfermeiras contratadas e ter coñecemento dos datos reais da situación das profesionais.