
A nosa lingua, o galego, precisa de incentivos. Un deles sempre foi a celebración no país de certames e premios con ou sen dotación económica que impulsen o seu uso. É o caso dos Premios Manuel Beiras que chegan este ano á súa decimooitava edición coa mesma forza que o primeiro día. Nesta ocasión a presentación dos mesmos tivo lugar na Cámara de Comercio, entidade organizadora, coa asistencia do seu vicepresidente, Evaristo Rodríguez que estivo acompañado polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega.
É unha boa noticia que cada ano haxa máis empresas e comercios candidatos a facerse coas distincións
O alcalde sinalou que o obxectivo deste premio sempre foi espallar o galego entre o mundo empresarial polo que asegurou que aínda hoxe son necesárias iniciativas deste tipo.
Bases
Os Manuel Beiras contan con dúas categorías: Unha para empresas que veñen realizando un uso continuado da lingua galega, e outra para empresas que se incorporaran recentemente ao uso da lingua. O mecanismo para candidatarse é o mesmo que en anos anteriores: as empresas deben propoñerse dirixíndose ao Departamento de Lingua do Concello ou ao Departamento de Comunicación da Cámara de Comercio. Calquera pode formular propostas: a propia empresa candidata, unha asociación ou institución ou mesmo unha persoa a título individual.
O prazo para presentar as candidaturas rematará o 11 de decembro.