O borrador da oferta de emprego público que a Xunta presentou aos sindicatos ignora a categoría “educación social”. Desde o Colexio de Educadoras e Educadores sociais de Galicia rexeitan o documento e reclaman o campo profesional que lles corresponde: “A Educación Social para as educadoras/es sociais”.

Ademais, qúeixanse de que malia ter varias xuntanzas coa Xunta, as súas peticións foron ignoradas. Rocío Núñez Rúa (CEESG) explica o que consideran un “anacronismo” e unha “discriminación”: “existe só a categoría ‘educador’ en especialidade de servizos sociais ás que se poden servir outras titulacións. Isto é un anacronismo porque existe desde os 90 unha titulación, educación social, que cumpre as tarefas dese posto.”

Ademais, critica a pasividade da administración ante as súas propostas: “dixéronnos que as nosas peticións eran lóxicas pero vimos o borrador e foron totalmente ignoradas”.

Lembran ademais que as persoas usuarias dos servizos sociais serían as máis prexudicadas: “A educación social é un dereito da cidadanía. A Xunta ten que garantir equipos multidisciplinares e que as persoas usuarias dos servizos sociais teñan nos servizos públicos persoal especializado en intervención socioeducativa”, argumenta Rocía Núñez Rúa.

O momento actual, sinalan, é decisivo, xa que é posible modificar o borrador da OPE: “É unha cuestión de vontade política. Noutras comunidades existe a categoría de educador social. Sabemos que se está modificando a lei de emprego público, co cal a Xunta de Galicia pode neste momento incluir o que nós reclamamos. Sabemos tamén que no borrador da lei non o inclúen. A decepción é total e absoluta.”

O luns 14, primeira mobilización das educadoras sociais en Galicia

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais organiza concentracións en Compostela, A Coruña e Ourense. Chaman á mobilización ao estudantado, profesionais e calquera persoa que queira amosar o seu apoio.

 

 

 

 

 

- Publicidade -