Dos venres en negro ao sábado en negro. Pouco antes 11:00h comezaba desde San Marcos o percorrido da manifestación para defender os medios de comunicación públicos no noso país na primeira manifestación das e dos traballadores da CRTVG e da TVE en Galicia contra a manipulación informativa.
Haberá un antes e un despois desta mobilización
A nosa colaboradora Pilar Fernández achegouse ao comezo da peregrinación contra a manipulación e, entre outras moitas persoas, conversou con Raimundo Méndez, Presidente do Comité Intercentros da CRTVG, que destacou as demandas das e dos traballadores dos servizos públicos de comunicación e lembrou as represalias que sufren por parte da dirección da compañía.
Unha mobilización sen precedentes
Os medios públicos son propiedade da cidadanía
Deste xeito, as e os profesionais dos medios públicos botáronse esta mañá á rúa nunha manifestación histórica e que no noso país non ten precedentes. “É necesario cumprir a Lei de Medios galega e respectar a pluralidade que existe en Galicia” e, ao tempo, respectar unha información plural e veraz dende medios publicos para que deixen de estar o servizo do poder.
Entre os aplausos da cidadanía, a mobilización entraba en Compostela pouco despois das 12:00h para rematar na Praza das Praterías coa lectura dunha mensaxe de apoio protagonizado pola artista Uxía Senlle e no que se destacaba a defensa dos medios públicos libres e sen censuras ou manipulacións: “A televisión e a radio pública non pode estar ao servizo do goberno de turno”. Unha das principais prazas de Compostela ficou pequena para acoller o acto final da mobilización unitaria. “Esiximos que cesen de inmediato as prácticas de manipulación indicaban minutos despois tamén as xornalistas Marga Pazos e Rita Alonso lendo o manifesto das e dos traballadores.
Mobilización plural
Na mobilización desta mañá puidéronse ver delegacións do conxunto de partidos políticos da oposición así como tamén unha nutrida representación de entidades sociais e sindicais das que, novamente, chamou a atención unha visible nota de cor na manifestación: a presenza de veciños e veciñas afectadas polo megaproxecto mineiro que ameaza a Touro e O Pino.