As creadoras en galego, desprotexidas e en perigo de extinción

As creadoras galegas que viven dos dereitos de autoría das súas obras únense para sumar forzas e reivindicar o dereito a que o seu traballo sexa remunerado

Deixar a nosa cultura exclusivamente en mans do mercado? É relegala á lei da selva“, sostén a poeta e creadora Yolanda Castaño. Apenas o 19 por cento do sector cultural é capaz de vivir da súa obra segundo o último informe da SGAE. “Son Tamara Andrés e sumeime ao colectivo Creación en Extinción dende a palabra”, relata a autora de ‘Irmá Paxaro’, “cada vez que se me pide un poema, téñoo que facer gratis, cos meus libros non gaño ningún carto, cada vez que vou a un recital é gratis, cada vez que vou a falar dos meus libros é de balde, son moi poucas as ocasións nas que se me retribuíu polo meu traballo porque aínda teño esperanza de que isto poida ser un traballo no futuro“.

Nun informe, o Consello da Cultura Galega denunciou recortes “demasiado graves” ao sector cultural dende o ano 2009, cando Alberto Núñez Feijóo e o Partido Popular accederon á Xunta. O Goberno galego dedícalle un 0,85 por cento de todo o gasto público á cultura. “Os creadores galegos somos unha especie en perigo de extinción e dicímolo porque non temos ningún tipo de acceso a axudas que nos permitan manter a nosa actividade”, denuncia o ilustrador Víctor Rivas.

O historietista e referente da banda deseñada, Kiko da Silva, ve necesario que tanto o Goberno galego como o Ministerio de Cultura destinen axudas específicas para as creadoras. “Se non, ímonos ver abocados ao que sucede sempre nestas situacións de crise que é emigrar. Igual non fisicamente, pero si laboralmente. Imos acabar traballando para os mercados estranxeiros e iso vai diminuír a calidade das publicacións en lingua galega”.

Podes seguir ou poñerte en contacto co colectivo a través das súas redes sociais.