Home Programas Espazo Aberto As condicións laborais e a memoria obreira, entre as reivindicacións dos sindicatos neste 10M

As condicións laborais e a memoria obreira, entre as reivindicacións dos sindicatos neste 10M

0
As condicións laborais e a memoria obreira, entre as reivindicacións dos sindicatos neste 10M

O 10 de marzo de 1972 marcou fondamente a loita obreira galega. No hoxe datado como Día da Clase Obreira Galega, a policía fascista do rexime de Franco asasinou aos sindicalistas Daniel Niebla e Amador Rey no marco das protestas dos estaleiros de Bazán, en Ferrol, por un convenio xusto. As centrais sindicais realizan durante o día de hoxe múltiples actos e protestas en memoria de todas as obreiras que loitan por unha mellora da vida de toda a clase traballadora.

Neste 10 de marzo, a CIG sairá ás rúas co lema ‘Na Galiza emprego, salario e pensións dignas’ acompañado da esixencia da inmediata derrogación das reformas laborais do 2010 e 2012. A central, a principal forza sindical no país, realiza unha ofrenda floral en Ferrol pola mañá acompañada de concentracións e mobilizacións ao longo do día como por exemplo en Vigo, ás 18.30 horas dende a Dobrada, ou ben Compostela, ás 20 horas dende a praza Roxa, ou ben Lugo, ás 20 horas dende o edificio sindical.

A CUT centra este ano o 10 de marzo no lema ‘Conciencia de clase e nacional na loita sindical’ co que chama á recuperación da memoria histórica obreira. A Central Unitaria de Traballadoras advirte dos perigos da socialdemocracia para a adquisición e consolidación de dereitos por parte da clase traballadora. A central convoca unha única mobilización ás 19.30 horas en Vigo partindo do cruce Vía Norte. Tanto a CIG como a CUT coincidiran hai meses, co cambio de goberno en Madrid, nas advertencias cara as promesas do Executivo central á clase traballadora galega.

Por último, CCOO sairá ás rúas co lema ‘Memoria de loita e traballo’ centrando as súas accións en Ferrol. Pola mañá realizarán unha ofrenda floral diante do Monumento ao Dez e Marzo e pola tarde partirán en manifestación dende o propio monumento.