A ludomanía é un grave problema na sociedade actual e cada vez comeza en idades máis temperás. Gerardo Rodríguez, da Asociación Agalure, explica que “o xogo é unha actividade legal que non se pode prohibir pero si regular”. Por iso di que é necesario facer políticas de protección, sobre todo aos menores, e concienciar á sociedade porque o verdadeiro problema é que “non o ven como tal”.
A lexislación tamén é un factor clave para mellorar esta problemática. A lei actual referida ao xogo é de 1985 e está pendente de reforma, esperando saír á luz este ano. Antonio Rial Boubeta, profesor da facultade de Psicoloxía na USC, di que “as administracións públicas deben dar un paso adiante” e “poñer enriba da mesa as evidencias”.