A segunda edición de ‘Tempo da Psicoloxía‘, un proxecto organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, comeza esta tarde na capital compostelá e estenderase ata o xoves 20. Nesta primeira xornada, as condutas aditivas a través da rede, a prevención e o seu tratamento serán a temática protagonista nunha mesa de acceso libre e gratuíto que comezará ás 19 horas no Teatro Principal.
O primeiro dos coloquios leva por título “Do smartphone ao Fortnite: adiccións e tecnoloxías“, onde participarán Antonio Rial Boubeta, profesor da Facultade de Psicoloxía da USC e investigador no eido das adiccións; José Manuel Recouso Ramos, psicólogo clínico de AGALURE; Olegaria Mosqueda Bueno, orientadora do IES Santa Irene de Vigo; e Rosa Cerqueiro Landín, voceira do Movemento Galego de Saúde Mental. Esta mesa estará moderada pola xornalista Belén Regueira. Deste modo, analizarase un dos aspectos que máis preocupa sobre este contexto dixital, tal e como é o xogo online, a adicción aos videoxogos ou o uso abusivo dos teléfonos móbiles, tanto entre a adolescencia como nas persoas adultas.
O martes 18 de febreiro ás 19:30h na sede Afundación (Rúa do Vilar, 19), ofrecerase unha palestra na que se tratará de reflexionar sobre como é posible reducir o impacto de certas fendas sociais, como o xénero, o rural, a vellez ou a enfermidade mental, a través das ferramentas dixitais, baixo o título “Tecnoloxías que rachan coas fendas sociais”. Participará Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia; Rosa Arcos Caamaño, presidenta de Fademur Galicia; María José Fares Varela, psicóloga experta en envellecemento e docente das Aulas Senior ATEGAL; así como Patricia Gómez Salgado, psicóloga de FEAFES Ourense. Esta conversa estará moderada pola xornalista Tamara Montero.
A última das actividades de acceso libre será o mércores 19, tamén na sede Afundación e ás 19:30h, para abordar como mudaron as nosas formas de relacionarnos, tanto de xeito interpersoal como coa propia administración ou a través da nosa identidade dixital. A xornalista Alba Mancebo ocuparase de dirixir esta conversa, na que participará Marcus Fernández, webmaster de Código Cero; Julio González Morandeira, psicólogo e responsable de innovación do Concello de Lugo; Noa Díaz Varela, concelleira de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas do Concello de Santiago; así como unha alumna do Grao de Psicoloxía, Lara Deza.
O peche desta edición de Tempo da Psicoloxía será na Facultade de Psicoloxía, con motivo dos actos de celebración do Día da Psicoloxía Académica, no que Cristina Botella, catedrática de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos da Universitat Jaume I, impartirá unha conferencia co título “O uso das TIC na intervención psicolóxica”.