O xuízo pola devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público arranca este luns coa expectativa de que se acabe co “espolio franquista” e o inmoble pase a ser “un ben público”. Trátase dun proceso xudicial que se prolongará toda a semana e que se celebrará na antiga sede da Audiencia da Coruña, por cuestións de espazo, aínda que a causa corresponde ao Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña. O Estado reclámalle á familia do dictador Francisco Franco a titularidade da que fora residencia de verán de Franco nunha demanda na que se sumou a Xunta e tamén o Goberno local de Sada.
Este procedemento chega aos tribunais despois de que o Pazo de Meirás fose declarado ben de interese cultural (BIC) polo goberno bipartito –PSdeG e BNG– en 2008. Nove anos máis tarde, en 2017, o Parlamento galego encomendou a creación dunha comisión de expertos para estudar a súa posible reincorporación ao patrimonio público. Un ano despois, a Cámara galega aprobou por unanimidade instar o Executivo central a realizar as xestións legais oportunas para recuperar o pazo.