O resultado das eleccións municipais que se decidirá nas urnas o 26 de maio mostrará o avance ou retroceso das forzas políticas de esquerdas en Galicia. Nos pasados comicios do 2015 o Partido Popular perdeu o seu poder de control das cidades galegas, agás Ourense, e tres das catro deputacións. Por isto, as atencións están especialmente centradas en que ocorrerá nas urbes e nas deputacións despois deste 26M.
En canto ás eleccións europeas, partidos como o BNG ou En Marea que non conseguiron representación no Congreso dos Deputados nos pasados comicios do 28 de abril agardan poder colocar os intereses galegos entrando no Parlamento Europeo.
A campaña electoral de cara estes comicios arrancou este venres 10 de maio. Desde o PsdeG confían no impulso dado por Pedro Sánchez nas eleccións xerais e gañar poder territorial alén de Vigo e Lugo. No inicio da campaña, Gonzalo Caballero escolleu o parque de San Lázaro, en Ourense, onde pediu o voto para “converter ás cidades galegas en bastións do progreso e da loita contra as tres dereitas”.
Dentro de En Marea flúen as mensaxes de unidade de cara as eleccións municipais que establecen como “unha prioridade”. Luís Villares escolleu a praza Maior de Lugo para iniciar a súa campaña xunto a candidata ao Parlamento Europeo, Lidia Senra, e o candidato de Lugonovo, Xosé Chorén. Villares apelou á mobilización xa que Galicia “xógase moito”, sostivo.
Na Coruña, Xulio Ferreiro abriu a campaña electoral nun acto que se celebrou na porta de entrada ao porto coruñés e no que sostivo: “o 26 de maio toca escoller entre o pasado ou o futuro”. Mentres, en Compostela, Martiño Noriega apelou ás persoas que participaron da apertura de campaña: “Ímolo dar todo. Pero necesitamos do voso arroupe, da vosa ilusión, da vosa forza. A vitoria nesta campaña estará nas rúas, nos barrios e imos a por todas!”.
Por outra parte, o BNG busca continuar no avance de gobernos para “ter máis peso político en todas as cidades”, segundo defendeu a portavoz nacional Ana Pontón que escolleu A Coruña para abrir a campaña. Pontón insitíu en que o BNG está “á alza” e puxo en valor “o modelo municipal de éxito, que ten demostrado que funciona” do BNG.
Compromiso por Galicia arrincou a campaña na compostelá avenida de Lugo co candidato Xoan Báscuas. No Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo acompañado ao candidato do seu partido á alcaldía de Compostela, Agustín Hernández, onde sostivo: “Estamos de pé, serenos, coa fronte erguida”.