As novas tecnoloxías poden ser unha arma de dobre fío. O sociólogo belga Armand Mattelart, inaugurou o I Congreso Internacional AGACOM cunha conferencia na que denunciou o control que posúen os Estados grazas a Internet. Mattelart mantén unha forte opinión crítica acerca da falta de pluralidade dos medios de comunicación e, en especial, do “mundo vixiado” no que vivimos.
Unha destacada figura do Chile de Salvador Allende
Armand Mattelart viviu na década de 1970 en Chile, onde colaborou na materia da comunicación co goberno socialista de Salvador Allende ata o golpe de Estado de 1973. O catedrático denuncia os mecanismos de vixilancia e ciberespionaxe a través das novas tecnoloxías, unha arma moi poderosa coa que, asegura, goberrnos coma o estadounidense manteñen un forte control sobre a sociedade.
O Congreso está presidido por Margarita Ledo, catedrática de Comunicación Audiovisual, e Francisco Campos, presidente da Asociación Galega de Investigadoras e Investigadores da Comunicación. Durante a xornada do martes continuarán a desenvolverse na Facultade de Ciencias da Comunicación diferentes ponencias no eido da comunicación, a investigación e as linguas lusófonas.