O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presentou hoxe na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno a proposta aprobada relativa ás instrucións sobre criterios aplicables en materia de aforo, capacidade de evacuación e medidas cautelares de peche tal e como no seu momento prometera facer antes de fin de ano ao sector da hostalería.
A proposta, presentada en Xunta de goberno polo concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, tenta en primeiro lugar clarificar os criterios en materia de cabida, ocupación e capacidade de evacuación dos establecementos público. En segundo lugar a proposta quere regular as medidas cautelares de peche, tipificar as infraccións e o inicio de procedementos sancionadores.
O alcalde sinalou que con estas medidas “facilitarase o traballo de todos: dos técnicos, dos políticos e do propio sector hostaleiro, que terá máis claro a que aterse en cada momento“.