A Xunta de Goberno vén de aprobar os dous primeiros proxectos de humanización dende que os orzamentos de 2018 recibiron luz verde. Trátase, en primeiro lugar, da renovación de viarios e beirarrúas en Batalla de Clavijo e as rúas anexas, unha actuación cofinanciada con fondos EDUSI que contará cun orzamento superior ao medio millón de euros. O outro proxecto aprobado consistirá na renovación do pavimento da calzada das rúas Ponte Marzán, Sandino e Cruceiro de Sar, cuxo procedemento aberto de adxudicación comezou este venres.
Centro de saúde de Conxo
Por outra banda, o alcalde asumiu que é “moi complicado” que Conxo estea na lista de 20 centros de saúde que a Xunta de Galicia abrirá nas vindeiras datas por todo o país. Noriega non comparte a visión do goberno de Núñez Feijóo e considera que o centro de Galeras non é suficiente para prestar a atención primaria na cidade.
Noutra orde de asuntos, o Concello disporá dunha subvención de 282.000 euros, procedente dos fondos da Xunta, para a contratación temporal de 29 persoas en situación ou risco de exclusión social preceptoras da RISGA.