“As ideas son o primeiro” dicía Luís Villares pasadas as catro da tarde no Plenario de En Marea realizado esta mesma tarde e que serviu para actualizar a estratexia da organización de cara as eleccións municipais do vindeiro ano. Este foi, sen dúbida, o principal dos debates realizados esta mañá na Facultade de Ciencias Económicas da USC.
A unidade popular non é un camiño acabado […] e queremos artellar un proxecto nacional desde o nivel municipal
Desde En Marea debullaron as liñas estratéxicas de cara a vindeira convocatoria electoral que, tal e como estableceron no Plenario, deberan estar determinadas polo “traballo conxunto” coas mareas municipais, dando por feito que estas se artellarán de xeito independente..
O “paraugas instrumental”
Villares e a actual cúpula de En Marea tentarán ter protagonismo nas municipais do 2019. No día de hoxe, a dirección da organización presentou un documento onde propuxo a creación dun “paraugas político instrumental” que permita identificar claramente as candidaturas como candidaturas do espazo político común En Marea, para “non deixar lugar a dúbidas sobre á marca que representan”, ofrecendo tamén apoio loxístico e económico. Con este documento, Villares tenta dotar ao partido instrumental dunha estrutura de cara as vindeiras eleccións, propoñendo a implantación en todas elas da celebración de primarias para a escolla dos candidatos ou un código ético compartido.
A vicevoceira de @En_Marea, @baranauskas_ana, foi a encargada de defender a colaboración coas mareas municipalistas e a creación dun "paraugas político instrumental" pic.twitter.com/HRBYMLAKWS
— Nós Televisión (@NosTelevision) 17 de marzo de 2018
Pola súa banda, Compostela Aberta evidenciou as distancias coa actual dirección e presentou tres enmendas dicindo si á colaboración mais sempre desde a base da soberanía do propio ámbito municipal e repectando a autonomía de todas as partes.
Así, as contradicións do propio espazo político, tan diverso, son palpables. E no horizonte, un novo encontro (xa van tres) do sector crítico o vindeiro mes de abril en Mos.
Beiras: “O grupo confederal non funciona”
De novo, protagonista. Xosé Manuel Beiras foi o encargado de defender o relatorio sobre o funcionamento de En Marea no grupo parlamentar das Cortes Xerais do Estado. Nunha dura e aplaudida intervención contra o papel no Estado de Podemos, o histórico dirixente nacionalista resaltou a necesidade de “establecer alianzas con otros pobos e forzas estatais en termos de fraternidade”.
.@xmBEIRAS, de novo, protagonista do Plenario de En Marea, ao alertar das “deficiencias” do grupo confederal e sobre o papel de Podemos no Estado pic.twitter.com/y5Jo9sfk1g
— Nós Televisión (@NosTelevision) 17 de marzo de 2018
Beiras criticou con dureza e durante toda a xornada de hoxe as divisións internas na organización e, mesmo, chegando a reclamar medidas disciplinarias contra os “díscolos”.
EN AMPLIACIÓN