Apiario: outra das vítimas colaterais da caza de bruxas

Nun comunicado público desmenten calquera "trato de favor" por parte dos gobernos municipais de Santiago e de Compostela e anuncian que emprenderán accións legais contra unha campaña que dana a imaxe da empresa

Outra das empresas directamente involucrada na campaña desenvolta polo Partido Popular de Santiago é APIARIO S.L, unha cativa factoría literaria fundada en 2014 por dúas mulleres e que conta na actualidade con sede na Coruña. Trátase dun proxecto literario onde se tecen constantes obradoiros de escrita e cursos de formación cun selo editorial independente. Porén, desde este pasado martes, son protagonistas involuntarias do terremoto político e mediático que existe no Concello de Santiago.

Nun comunicado público pendurado na súa web, desmenten con rotundidade calquera trato de favor outorgado polos gobernos municipais da Coruña e de Compostela. Desde a factoría literaria achegan un anexo de entidades públicas e privadas coas que mantiveron calquera tipo de relación contractual ao longo da súa traxectoria editorial como a Xunta de Galicia ou diverso concellos da máis diversa cor política. “Xamais recibimos trato de favor” insisten.

A súa facturación tamén foi maior cos gobernos anteriores 

Máis concretamente, resaltan que “a escritora Antía Otero nunca traballou persoalmente para o Concello de Compostela” e que, polo tanto, “é rotundamente falso o afirmado polos Srs. Alejandro Sánchez Brunete, Rosa Gallego Neira e Agustín Hernández”. Achegan, ademais, información das ridículas cantidades económicas polas que o PP está a sementar dúbidas: Apiario facturou co Concello de Santiago  un total 501,50 € en 2016 e 1.686,00 € do Concello da Coruña e, ademais, resaltan que desde esta entidade literaria teñen “traballado moito máis intensamente para o Concello da Coruña e o Concello de Compostela durante os gobernos do Bipartito (PSOE/BNG) e do PP”

Finalmente anuncian que tomarán “as oportunas accións xudiciais co fin de que se emende o incalculable dano inflixido tanto á imaxe e prestixio da empresa”. Desde a publicación do comunicado, desde Apiario veñen apañando desde a publicación deste comunicado de prensa numerosas mensaxes de apoio do sector cultural e literario nacional. A empresa, ademais, ten recabado desde 2014 amplos recoñecementos públicos no panorama galego e internacional

- Publicidade -