O adianto das eleccións ás Cortes Xerais obriga a definir e concretar a actuación política no entorno das coñecidas Mareas o que, en termos prácticos, provocou ao longo da mañá de un intercambio de opinións entre boa parte das pezas afectadas. A política de alianzas para concorrer ás elección xerais do 28-A fixo revivir con forza as diferenzas internas no seo de En Marea.
Na mañá de hoxe foron moitos os chamados a reconducir a ruptura do espazo de confluencia galega malia que o enfrontamento entre a dirección de Luís Villares e o sector crítico foi máis que evidente. Nun ton conciliador e apelando ao diálogo, desde Anova entenden como fundamental que se poñan por diante “todos aqueles elementos que unen e configuran un espazo plural” e anunciaron que debaterán a súa estratexia de alianzas electorais o vindeiro 23 de febreiro. “Non se pode anticipar” destacou hoxe ante as nosas cámaras o seu portavoz, Antón Sánchez
Quen mantén unha posición moito máis crítica é Esquerda Unida, que xa comenzou os contactos cos espazos políticos cos que leva traballando xa dende a creación de AGE e en especial coas candidaturas municipalistas. Desde EU lamentan, iso si, que En Marea está “ocupada” por unha dirección sen lexitimidade para tomar decisións sobre a política de alianzas.
Pero a dirección de En Marea advirte que só consideran a posibilidade de concorrer ás Xerais como un partido instrumental único e non como unha coalición. Tanto é así, que este pasado sábado a dirección de Luís Villares convocou un proceso de novas primarias advertindo que baixo ningunha circunstancia aceptarían reeditar o formato de coalición ensaiado nas eleccións de xuño 2016.”Dúas candidaturas sería un suicidio político” dixo hoxe Luís Villares ante os medios de comunicación.
Xulio Ferreiro toma a iniciativa e pide un “último esforzo”
Nunha liña totalmente oposta se manifestou a primeira hora da mañá o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro. O líder da Marea Atlántica apelou desde María Pita ás “mareas municipalistas, partidos da confluencia e a propia En Marea” para realizar “en pé de igualdade” un exercicio de realismo e responsabilidades para construír unha “nova coalición” de cara o 29 de abril
O alcalde da Coruña chama a facer un “último esforzo” para integrar nun mesmo acordo electoral e nunha única candidatura a En Marea, os partidos da confluencia e as mareas municipalistas, para disputarlle as xerais á dereita en Galicia