
Anxo Baranga (Córgomo, 1956) chegou a Barcelona no 1979 e tras pasar pola Escola Massana centrou a súa actividade creativa primeiro no debuxo (colaborou con publicacións como A Nosa Terra e ilustrou varios libros) e na pintura con exposicións en galería, centros de arte e mesmo a través do muralismo na súa casa de Córgomo. Como dramaturgo traballou o teatro popular e nel segue.
Levas moitos anos vivindo en Barcelona e tamén participando de proxectos creados pola colectividade galega en Catalunya. Pasaches polo Centro Galego onde formaches parte dunha candidatura “alternativa” que logo creou o seu propio espazo a través da Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB). É positiva esta última experiencia?
Eu son un membro máis de ACGB e podo falar da miña experiencia. Estou encantado. Cando nos asentamos no barrio de Gràcia, no Ateneu Roig, fixémolo ao principio de xeito moi tímido. Conseguimos facer a nosa gran festa na Praza Joanic, un lugar moi turístico na ruta do Parque Güell, un lugar moi estratéxico. Acertamos coa festa na que actuou Ses e desde ese momento subimos en socios e as seccións incrementáronse. Mesmo participamos cunha aula de galego dentro da Cooperativa de Linguas que hai dentro do Ateneu Roig.
Os galegos en Gràcia abrímonos a outras entidades catalás e as outras ábrense a nós
O feito de compartir espazos con outras entidades é moi positivo posto que coñeces outras realidades culturais e ao tempo elas tamén coñeces a túa. Este ano fixemos as Letras Galegas compartindo espazo cos palestinos, coa Cooperativa de Linguas, coa Asociación de Veciños,… os galegos en Gràcia abrímonos a outras entidades catalás e as outras ábrense a nós.

Era necesario romper o “gueto” de relacións das entidades galegas en Catalunya?
Esa endogamia que hai…. os galegos e galegas sempre falando das nosas cousas… autoexcluíndonos… Nós todo o contrario. Celebramos as Letras Galegas con maios e a LudoteGa, un proxecto de nais e pais para fomentar a lingua nos nenos e nenas. E falaban en galego e en catalán sen ningún problema. Iso é a finalidade coa que se creou a ACGB, a integración sen perder a nosa identidade.
Estamos coa idea de cantar cancións palestinas e eles cancións galegas porque, casualidades, Palestina celebra en maio tamén a súa festa reivindicativa.
Anxo Baranga forma parte da listaxe de artistas galegos que vive no exterior. Nomeadamente na pintura, unha das túas formas de expresión principais, segues a crear…
Eu fun alumno da Escola Massana de aí comezou moita xente que seguimos en contacto e traballando en proxectos colectivos. Mais temos un país, falo de Galicia, Catalunya, o estado español, que non mira á pintura como algo necesario. Logo traemos pintores estranxeiros, mercando cadros,… e a xente que está pintando aquí e agora, que están vivos, será logo patrimonio que terá ese país.
Temos un país, falo de Galicia, Catalunya, o estado español, que non mira á pintura como algo necesario
Houbo un boom nos 90 que rematou coa crise do 2007. Agora funcionamos a nivel de asociacións de artistas. En maio participei nunha proposta no barrio do Raval, no centro de Barcelona, con personaxes galegos nun lugar onde conviven 280 idiomas. A nosa lingua segue estando entre as vinte máis faladas aquí. Galicia está presente no Raval.
Eu sempre pinto en galego e nesta ocasión traballei con Jaume Muelas e o poeta galego Lito Caramés. Trazamos unha serie de historias que saían da literatura e mesmo a literatura saía da obra. Houbo neste proxecto unha mistura de pintura, teatro, poesía e narración oral.
Ademais de pintar segues moi activo no mundo do teatro, non?
Sigo do grupo Furafollas e estraremos este mes de xuño a obra “Fronteiras” que tenta reflexionar sobre a inmigración, o efecto chamada dos denominados “países máis felices do mundo” e os problemas que teñen para poder entrar.
Ademais estou nun proxecto da Associació de Narradors i Narradores de Catalunya, da que formo parte, cunha actuación no Ateneu Roig. Estes dous proxectos terán a súa unión nunha idea que me gustaría levar a Galicia.
Hai que ser conscientes que en narración oral os galegos e galegas somos unha potencia
Hai que ser conscientes que en narración oral os galegos e galegas somos unha potencia. Aquí asimílase a narración oral galega á calidade.
Aquí aínda se lembran as xornadas de Teatro de Córgomo, en Valdeorras…
O traballo está feito. Comezáronse a facer no 2001 cando non habí ningún grupo de taetreo na comarca. No 2005 crease a compañía “Gargallada” e dous anos despois había oito compañías seguindo a idea de Córgomo de facer teatro popular. Chegaron a ser eses anos máis de cen persoas ensaiando teatro en galego, algo impensable ao inicio. Aínda hoxe hai xente que segue e coa me gustaría facer narración oral. Sempre dentro do teatro non profesional.
Vives en Catalunya mais tes un pé en Galicia e supoño que a situación sociopolítica catalá sairá en moitas conversas cando nos visitas. Como a explicarías para as persoas que só teñen unha referencia externa? Ten solución a relación Catalunya-España?
Como continúen facendo as cousas como ata agora non lle vexo solución. E é fácil de arranxar se fósemos un país democrático. O problema de Catalunya e España soluciónase cun simple referendo e xa está. Cando hai un problema deste tipo con tanta xente pedindo votar vótase e xa está. Ningún Estado pode dicir que votar é ilegal. Se hai unha norma que di isto esa norma non está ben. E Catalunya non se vai a ir de España logo dese referendo.
O problema de Catalunya e España soluciónase cun simple referendo e xa está
Temos que convivir. A política inventámola nós. Os estados inventámolos nós. Pódese facer e desfacer para que esteamos cómodos os uns cos outros. Eu véxoo moi claro.