Cando chegou á alcaldía en febreiro de 1936, Ánxel Casal xa era unha figura coñecida e moi querida en Santiago de Compostela. En 1927 fóra quen de abrir, no número 15 da rúa do Vilar —onde hoxe se atopa o Café Airas Nunes—, a imprenta da editorial Nós. Tratouse do seu segundo proxecto como editor, logo de fundar na Coruña, xunto con Leandro Carré Alvarellos, a editorial LAR algúns anos atrás.
Unha vez no Pazo de Raxoi, Casal non limitou o seu labor ao eido municipal, senón que se converteu nun dos persoeiros que máis pulo deu ao Estatuto de Autonomía de Galicia. Participou de xeito moi activo na campaña a prol do Si no plebiscito que permitiría, previo paso polas Cortes —algo que non chegaría acontecer por mor do golpe de Estado fascista—, a súa aprobación.
Importante labor na ORGA e o Partido Galeguista
“Ánxel Casal destacou coma editor, divulgador da cultura galega e político republicano”, expón o historiador Uxío-Breogán Diéguez, lembrando que se tratou tamén dunha das figuras máis salientábeis primeiro na ORGA —Organización Republicana Gallega Autónoma— e máis tarde no Partido Galeguista, conformando a facción “máis á esquerda” do grupo. Aos poucos días de comezar a guerra, o emblemático alcalde da capital galega foi detido e asasinado polas tropas franquistas nunha foxa de Cacheiras, en Teo.
Diéguez, director tamén da revista Murguía, bota en falta unha maior difusión dos idearios e as figuras en si de intelectuais represaliados polo franquismo coma o propio Casal ou Alexandre Bóveda, “sobre todo nas escolas”. Para o historiador, é imprescindíbel seguir avanzando na memoria histórica e “ter coñecemento destas persoas”, así como do seu labor a prol do país.