A Universidade de Santiago xa ten unha nova figura á súa fronte. Trátase do catedrático de Dereito Antonio López, vencedor das últimas eleccións á reitoría o pasado mes de abril, que tomou posesión do seu cargo este martes nun multitudinario acto celebrado no Salón Nobre do Pazo de Fonseca.
Antonio López xa é o novo Reitor da @UniversidadeUSC. No seu primeiro discurso esixiu un incremento no financiamento público do sistema universitario pic.twitter.com/02vVrA9qy3
— Nós Televisión (@NosTelevision) June 5, 2018
No seu discurso, López sinalou como aspecto fundamental a necesidade de revisar o plan de financiamento público da USC, xa que precisa “máis recursos” para que non se lle impida “seguir medrando”. Outro dos eixos nos que se sustentará o goberno de López e o seu equipo é o obxectivo de “recuperar o debate” en cuestións como as titulacións, a investigación, os plans de persoal e a política orzamentaria da institución.
Equipo de López
O novo reitor inclúe no seu equipo de goberno a Víctor Arce (Estudantes e Internacionalización), Celia Besteiro (Organización Académica), Gumersindo Feijóo (Planificación e Proxección Extratéxica), Dulce García (Secretaría Xeral), Ernesto González (Profesorado), Mar Lorenzo (Comunicación, Cultura e Servizos), Mª Victoria Otero (Titulacións), Vicente Pérez (Investigación e Innovación) e Montserrat Valcárcel (Coordinación do Campus de Lugo).
Juan Viaño despediuse con verbas de agradecemento á comunidade universitaria
Ao acto, celebrado no Salón Nobre do Pazo, acudiron numerosas autoridades como as alcaldesa accidental de Santiago, María Rozas, a rexedora de Lugo, Lara Méndez, ou o conselleiro de Educación e Cultura da Xunta, Román Rodríguez. O reitor saínte da USC, Juan Viaño, comezou a súa intervención cun discurso no que salientou os aspectos máis salientábeis do seu mandato. Así e todo, desexou “moita sorte” e “éxitos” a Antonio López.