No mes de abril, a comunidade universitaria está chamada ás urnas para elixir ás e os representantes do Claustro Universitario e ao novo reitor ou reitora. Malia que aínda non se pechou o prazo para presentar candidaturas, dous nomes postúlanse como os principais aspirantes ao cargo: Juan Viaño, actual reitor, e Antonio López, catedrático de Dereito Financeiro, que se presenta cun programa electoral baseado en tres eixos: reforzar a imaxe institucional, contratar a máis persoal docente e mellorar a situación financeira.
López, que exerceu o cargo de decano da Facultade de Dereito entre 2005 e 2007, xa concorrera aos comicios do ano 2014, cando perdeu fronte ao actual reitor nunha axustada votación. Catro anos despois, logo de reunirse con representantes de tódolos ámbitos da Universidade, volve á batalla electoral co obxectivo de “cambiar o rumbo” dunha institución que, tralo mandato de Viaño, perdeu moita “relevancia” en Galicia respecto ás universidades de Vigo e A Coruña. Asemade, lembra que, durante este período, pérderonse 135 prazas docentes e 45 de persoal de servizos.
A votación será o 23 de abril
As eleccións, nas que participarán o profesorado, o alumnado e o persoal administrativo e docente da USC, celebraranse o vindeiro luns 23 de abril entre as 10.00 e as 18.00 horas, mais quen así o precise poderá solicitar o voto anticipado entre o 16 e o 20 do mesmo mes.