As eleccións á reitoría da USC celebradas o pasado luns deixaron un claro gañador: Antonio López. O catedrático de Dereito Financeiro e Tributario acadou o 62’66% do voto ponderado, logrando impoñerse ao actual titular, Juan Viaño, en tódolos sectores da comunidade universitaria. López agradece a “confianza” depositada nas urnas e xa prepara as súas primeiras accións de goberno. O seu principal obxectivo é “revitalizar” a Universidade e dotala dunha maior autonomía, así como mellorar as condicións laborais do PAS —Persoal Administrativo e de Servizos—.
Demandas da comunidade universitaria
Este martes, deceas de estudantes, PAS e PDI —Persoal Docente e Investigador— concentrábanse ante a Facultade de Medicina denunciando a “excesiva” presenza da Policía no campus durante o mandato de Viaño. Neste senso, López admite que, por mor da coñecida como ‘Lei Mordaza’, non pode impedir a actuación das e dos axentes malia que non porten unha autorización, mais prégalles que actúen con “proporcionalidade” e de xeito “xustificado”.
É positivo que haxa grupos organizados de estudantes
A outra gran vencedora da xornada electoral foi a CUE —Candidatura Unitaria Estudantil—, que obtivo 38 dos 58 escanos ao Claustro por parte da comunidade estudantil. O novo reitor considera “moi positivo” que o alumnado se mobilice desta maneira e pensa traballar “de maneira conxunta” coas e os estudantes para “seguir medrando”. Do 27 de abril ao 2 de maio abrirase o período de apelacións ante a Comisión Electoral e, se non acontece ningún imprevisto, o nomeamento oficial de Antonio López e a súa equipa como dirixentes da USC será o día 7 de maio.